Blog

Imos de plantación a Brión

← Volver ao blog

Os veciños de Brión e Doniños levan tempo mirando lonxe, coa mente posta no futuro dos montes comunais de Cha. Tras anos de loita por recuperar este espazo, agora traballan para que volva ser un monte vivo, diverso e pensado a longo prazo. Queremos contar o que vivimos xunto a eles, porque demostra o que ocorre cando a comunidade e o bosque camiñan na mesma dirección.

A última xornada foi desas que te reconcilian co mundo. Estivemos alí para acompañar o alumnado de Primaria do CEIP A Laxe, de Valón, nunha repoboación que vai máis alá de cravar unha árbore na terra. Cos nenos e nenas plantamos medio centenar de especies autóctonas (carballos, bidueiros, abeleiras, freixos) sabendo que medrarán ao mesmo tempo ca eles. Que verán pasar os anos, e que a súa sombra será, en parte, tamén súa.

Estas plantacións escolares realízanse desde 2017 e, en diferentes accións de voluntariado, xa repoboaron entre 6.000 e 7.000 metros cadrados. Fixérono coas súas mans, con curiosidade e con ganas de aprender. Nós, desde Xeración, tivemos a sorte de acompañalos xunto co profesorado e a comunidade de montes, que traballan para que este territorio non se converta nun monocultivo máis, senón en un lugar cheo de vida.

A mañá deu para moito máis que plantar. Visitamos tamén os cabalos galegos de monte reintroducidos hai ano e medio nunha finca de 30 hectáreas, grazas á colaboración coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Son cinco egas, un macho e tres poldros que pacen libremente e axudan ao mantemento do bosque grazas ao rozo natural que realizan. Gandaría ao servizo do monte, prevención de incendios sen maquinaria nin ruído.

Descubrimos así mesmo un novo espazo recuperado: pequenas charcas pensadas para acoller anfibios como tritóns e ras. Auga onde antes non a había, vida onde antes había silencio.

O percorrido comezou en Liñares e rematou en Espiño. Un paseo tranquilo, si, pero cargado de significado. Porque o máis importante non foi o que se plantou, senón o que se sementou. Sementouse vínculo, pertenza. Explicóuselles aos futuros comuneiros que o monte comunal non é nin público nin privado, senón das parroquias, xestionado colectivamente e decidido en asemblea. Un modelo que moitos esquecemos, pero que segue vivo en Galicia, resistente, profundo.

Quen hoxe mete as mans na terra será mañá quen decida que especies plantar, que gando manter, que áreas protexer, que froitos recoller. Por iso é imprescindible que o monte lles pertenza tamén emocionalmente.

Desde Stop Eucalipto e Xeración témolo claro: non se trata só de repoboar, senón de recuperar cultura forestal, conciencia comunitaria e futuro. Plantamos árbores, pero sobre todo plantamos posibilidades.

O monte que coidamos hoxe é o que nos sostén mañá. E iso constrúese así: pouco a pouco, con mans pequenas e decisións grandes.